• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

PERSOAL O Concello de Santiago anuncia unha convocatoria para a cobertura de prazas de persoal funcionario de carreira e de persoal laboral fixo, sen precedentes

Data de escritura

Un total de 59 prazas de diferentes categorías e escalas serán convocadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia da Coruña para a súa cobertura a través do sistema de oposición e quenda libre. A estas prazas súmanse tamén as 92 prazas xa convocadas no BOP do día 27 de decembro do proceso extraordinario de estabilización e as 71 prazas de promoción interna de persoal funcionario de carreira que xa presta os seus servizos no Concello de Santiago.

Imaxe rolda de prensa

A concelleira de Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, acompañada polo director da Área de Recursos Humanos, Juan Porrúa Pardal, anunciou esta mañá en rolda de prensa a inminente convocatoria de 59 prazas de persoal funcionario de carreira das escalas de Administración xeral (31) e de Administración especial (25), así como tres prazas de persoal laboral fixo. Estas novas prazas así como as do proceso de estabilización e a próxima convocatoria de promoción internas, suman un total de 222 prazas.

Para a concelleira de Persoal, Marta Abal, tratáse dunha "convocatoria histórica", que sumada ao procesos de estabilización xa en marcha, permitirá "reducir a tasa de interinidade do Concello a menos do 4%, por debaixo da metade do 8% que esixe o estado", logrando así "a reducción da temporalidade dos traballadores e traballadoras do Concello co fin de mellorar a calidade dos servizos e a súa xestión". A concelleira tamén presentou a nova plataforma 'Convoca', posta en marcha polo Concello para facilitar ás persoas interesadas a súa inscrición nos procesos selectivos e o pago das taxas.

59 prazas de quenda libre

Marta Abal anunciou que no día de hoxe foron remitidos ao Boletín Oficial da Provincia da Coruña os anuncios para publicación das bases dos procesos selectivos convocados para cobertura de 59 prazas vacantes no Concello de Santiago. A súa cobertura será polo sistema de oposición libre, e están distribuídas do xeito seguinte:

a) 31 prazas de persoal funcionario de carreira da escala de Administración xeral:

Técnico/a Admón. Xeral - A1 (2 prazas)
Técnico/a de Xestión - A2 (8 prazas)
Administrativo/a - C1 (12 prazas)
Auxiliar administrativo - C2 (8 prazas)
Uxier - AP (1 praza)

b) 25 prazas de persoal funcionario da escala de Administración especial:

Enxeñeiro/a de Camiños, Canles e Portos - A1 (1 praza)
Técnico/a de Arquivo A1 (1 praza)
Técnico/a de Medio Ambiente - A1 (1 praza)
Técnico/a de Comunicación (Xornalista) - A1 (1 praza)
Arquitecto/a técnico/a - A2 (2 prazas)
Enxeñeiro/a técnico/a industrial - A2 (2 prazas)
Músicos- A2 (2 trompetas e 1 fagot)
Técnico medio/a de Deportes - A2 (1 praza)
Técnico/a medio/a de Informática - A2 (1 praza)
Técnico/ medio/a de Prevención e Seguridade Operativa - A2 (1 praza)
Delineante - C1 (1 praza)
Bombeiros/as Xestión Operativa e Preventiva - C2 (2 prazas)
Bombeiro/a condutor/a - C2 (1 praza)
Carpinteiro/a metálico - C2 (1 praza)
Condutor/a operador/a - C2 (1 praza)
Operario/a servizos múltiples - C2 (5 prazas)

c) 3 prazas de persoal laboral fixo:

Diplomado Universitario en Enfermería-DUE - A2 (1 praza)
Auxiliar de Clínica - C2 (1 praza)
Técnico de mantemento - C2 (1 praza)

As 59 prazas serán cubertas por quenda libre e sistema de oposición e o prazo de presentación de instancias será de vinte días naturais a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial do Estado.

O proceso consiste en superar unha proba tipo test, cuxo número varía en función do grupo de clasificación e un suposto práctico relacionado coas funcións propias do posto a desenvolver e baseado no temario publicado para cada grupo e categoría profesional. Ademais para os grupos superiores, A1 e A2 as persoas participantes no proceso terán que desenvolver por escrito dous (A1) ou un (A2) tema dos catro ou dos dous, respectivamente, propostos polo tribunal

Estabilización

Ademais, ata o día 20 deste mesmo mes continúa aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso selectivo extraordinario de estabilización para a cobertura de 92 prazas convocado polo Concello de Santiago.

En data 23 de maio de 2022, o Alcalde e todas as organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Negociación, asinaron o "Acordo para a estabilización do emprego público no Concello de Santiago de Compostela en aplicación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público".

Este acordo ten por obxecto a estabilidade no emprego público municipal, mediante a articulación dunha única Oferta de Emprego Público, publicada o 31 de maio de 2022, e que culminou coa convocatoria dos procesos selectivos no BOP o pasado 27 de decembro de 2022 e o seu anuncio no BOE do día 31 de decembro.

Este Acordo foi o resultado dun traballo "man a man" entre o Departamento de Persoal e as organizacións sindicais, que fixo posible a incorporación de DEZASETE (17) novas prazas no Cadro de Persoal, regularizando así a situación destas prazas e dándolle un carácter estrutural.

En total son 92 prazas as convocadas para a súa cobertura polo proceso extraordinario de estabilización, repartidas do xeito seguinte:

- 73 pola quenda libre, sistema de concurso: 49 de persoal funcionario de carreira das escalas de Administración xeral e Administración especial, e 24 de persoal laboral fixo.
- 19 pola quenda libre, sistema de concurso-oposición: 14 de persoal funcionario de carreira das escalas de Administración xeral e de Administración especial, e 5 de persoal laboral fixo.

Promoción interna

Neste momento, está tamén pendente da súa remisión ao Boletín Oficial da Provincia o anuncio para publicación das bases dos procesos selectivos convocados para a provisión de 71 prazas de promoción interna no Concello de Santiago de Compostela, polo sistema de concurso oposición. Dese total 10 corresponden a Administración xeral (persoal auxiliar administrativo que terá a opción de promocionar a administrativo) e 61 de Administración especial:

- persoal bombeiro que promociona do subgrupo C2 a C1 (homologándose así coa policía local)
- persoal delineante, que poderá pasar do subgrupo C1 ao grupo B
- persoal programador informático, que tamén poderá promocionar do subgrupo C1 ao grupo B

Direccións relacionadas