A Praza de Abastos premia a fidelidade da clientela nos seus “80 anos alimentando Compostela”
A Praza de Abastos continúa premiando á súa clientela, no marco da campaña “80 anos alimentando Compostela”, que conmemora o 80 aniversario da inauguración do actual edificio, deseñado polo arquitecto Joaquín Vaquero Palacios.
O concelleiro de Mercados, Xan Duro, participou esta mañá na entrega de agasallos a aquelas persoas que acreditaran ter feito a súa compra na Praza.
A Praza de Abastos está a entregarlle á súa clientela diferente material promocional, no marco da campaña “80 anos alimentando Compostela”. Así, presentando tickets de compra de máis de 25 euros, as consumidoras poderán levar unha friameira conmemorativa; mentres que o agasallo para as persoas que mostren tickets de máis de 15 euros serán bolsas de malla reutilizables para realizar a compra.
A campaña “80 anos alimentando Compostela” ten como obxectivo recoñecer o papel da Praza de Abastos como centro de alimentación de proximidade e como elemento fundamental para o cumprimento do Pacto Alimentario de Milán polo que as cidades, entre elas Santiago, se comprometeron a impulsar sistemas agroalimentarios sostibles, inclusivos e diversificados. Ademais, pretende recoñecer o papel dos vendedores e vendedoras da Praza, e atraer nova clientela ao mercado. Con ese obxectivo, esta semana comezarán no propio mercado os cursos de cociña que se desenvolven da man da concellaría de Mocidade e do Centro Xove da Almáciga. Ademais, os estudantes que presenten o seu carné poden acceder a descontos do 10% sobre o importe da compra en máis dunha vintena de postos da Praza.







