• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Asinado o V Pacto Local polo Emprego de Santiago

Data de escritura

O Concello de Santiago asinou hoxe o V Pacto Local polo Emprego con representantes da Universidade, a Cámara de Comercio, a Asociación Empresarial do Tambre, Hostelería Compostela, Hostalaría.gal, a Plataforma polo Emprego, e os sindicatos UXT e Comisións Obreiras. A firma correu a cargo de Xan Duro, concelleiro de Promoción Económica en funcións por mor da situación de baixa médica da responsable do departamento, María Rozas. O edil salientou que "o documento aprobado hoxe é unha folla de ruta para avanzar cara o modelo produtivo e laboral que queremos, e para facelo da man e de maneira colaborativa entre todos os axentes implicados, comezando polo propio Concello". Nese sentido, Duro agradeceu o compromiso de todas as entidades asinantes "cun documento que pón o foco nos colectivos máis vulnerables e con máis dificultades para o acceso e o mantemento do emprego".

Asinantes do V Pacto polo Emprego
Outro momento da sinatura
V Pacto polo Emprego

O V Pacto Local polo Emprego toma o relevo do aprobado en 2015 e que estivo vixente ata 2020, "nun contexto no que aínda non sabiamos da pandemia que había mudar os paradigmas, tamén do mercado laboral". O documento, que está aliñado con outras estratexias como a Axenda Urbana 2030, ten como obxectivo "avanzar cara un mercado de traballo que ofreza oportunidades laborais de calidade para todos e todas, asentar as bases para implantar unha actividade económica produtiva e sostible, e impulsar políticas activas de emprego que integren os recursos públicos procedentes das diferentes administracións".

Catro liñas estratéxicas, 78 metas concretas

O V Pacto Local polo Emprego de Santiago está articulado en torno a catro liñas estratéxicas: apoiar as persoas para o emprego, impulsar o desenvolvemento económico e o emprego, fomentar a transición do modelo produtivo cara a sostibilidade, e fortalecer o traballo en rede dos axentes públicos e privados. A partir destas catro liñas, o documento define diferentes obxectivos estratéxicos dos que se derivan un total de 78 metas concretas. Esas accións, tal e como explicou Xan Duro, atenden a diferentes cuestións relacionadas co mercado laboral, "e nas que cobran máis importancia a conciliación, a igualdade, a sostibilidade, o fomento da economía social e a economía verde, ou a aposta pola reindustrialización e a dixitalización; en liña coa Axenda Urbana 2030 e coas estratexias e normativas aprobadas nos ámbitos estatal e europeo".

O V Pacto Local polo Emprego trata de aproveitar as capacidades e potencialidades dos diferentes actores esenciais na vida económica e laboral de Santiago para mellorar os niveis de emprego e a súa calidade e estabilidade; facilitar o acceso á vida laboral ás persoas con especiais dificultades de inserción; promover o emprendemento e o emprego autónomo; ou impulsar a economía social para a xeración dun tecido económico inclusivo e sostible. Ademais, faino poñendo o foco nos colectivos vulnerables, como o das mulleres, inmigrantes e persoas maiores de 45 anos "que tal e como se recolle na diagnose do propio Pacto requiren de políticas específicas por seren os que teñen maiores dificultades para o acceso e para o mantemento do emprego".

O V Pacto Local polo Emprego foi asinado, ademais de polo concelleiro de Promoción Económica en funcións, Xan Duro; por Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago; María Pais Fajín, presidenta da Cámara de Comercio; José Fernández Alborés, presidente da Asociación da Área Empresarial do Tambre; Sara Santos, presidenta de Hostelería Compostela; Joaquín García Gutiérrez, Secretario Xeral de CCOO Santiago – Barbanza; Marisa Rodríguez Vázquez, Secretaria Xeral da UGT Compostela – Barbanza e Miguel Fernández Blanco, Presidente da Asociación Plataforma polo Emprego. Desculpou a súa presenza Lois Lopes, presidente da Asociación Hostalaría.gal.

Toda a información relativa ao V Pacto polo Emprego de Santiago pódese consultar na web pactoempregosantiago.org

Direccións relacionadas