• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Rede de Centros Socioculturais converte o comercio de Santiago no "Museo máis pequeno da cidade"

Data de escritura

Os establecementos comerciais de Santiago convertiránse en pequenos museos para albergar obras de arte en miniatura realizadas polos veciños e veciñas, grazas ao programa "O museo máis pequeno da cidade", impulsado pola Concellaría de Centros Socioculturais. Os concelleiros Xan Duro e María Rozas presentaron hoxe a actividade, coa que a rede de CSC se suma tamén á celebración do Día Mundial dos Museos, o 18 de maio. As persoas que desexen participar achegando a súa proposta artística poderánse inscribir a partir do próximo xoves, 4 de abril.

A veciñanza poderá plasmar as súas obras nas caixas que se poden recoller nos CSC
O "Museo máis pequeno da cidade" estará exposto do 15 de maio ao 12 de xullo
Tamén se poderá participar no concurso nas rrss a partir do sábado 18 de maio
Outra imaxe da rolda de prensa

"O museo máis pequeno da cidade" é unha iniciativa da Concellaría de Centros Socioculturais, que parte dunha idea orixinal da artista catalá Noemí Batllorí. Tal e como explicou o concelleiro Xan Duro, "o obxectivo é encher Santiago de pequenos museos con entrada de balde, sen aglomeracións e sen colas, nos que ademais se poderán admirar obras realizadas polos veciños e veciñas de Compostela". Esas salas de arte serán establecementos comerciais de Compostela que, apuntou a concelleira de Comercio, María Rozas, "sumándose a esta proposta gañan visibilidade, incorpóranse a un roteiro no que poden achegarse a nova clientela pero, sobre todo, reforzan o seu papel como elementos cohesionadores dos barrios nos que se atopan". Trátase, en definitiva, "de fomentar a intervención sociocultural e artística entre a veciñanza, de crear comunidade a través da arte, e de fomentar a mobilidade entre os diferentes barrios de Santiago".

A participación no proxecto "O museo máis pequeno da cidade" está aberta a toda a veciñanza. O próximo xoves, 4 de abril, comeza o prazo de inscrición para as persoas ou grupos que desexen presentar a súa obra, que debe estar realizada dentro dunha caixa de cartón de 13x13 centímetros que será facilitada nos propios centros socioculturais. As obras rematadas entregaranse tamén na rede de CSCs, sempre acompañadas dun debuxo ou dunha copia da obra na que figure o seu título, o nome do seu autor ou autora e a súa idade.

A inscrición deberá realizarse do 4 ao 10 de abril, ben presencialmente nos centros socioculturais ou a través do mail ccpreinscricions@santiagodecompostela.gal, adxuntando o formulario que se pode atopar na sede electrónica do Concello de Santiago (trámite 'Participación en actividades municipais da Rede de Centros e Locais Socioculturais'). As caixas-museo poderánse retirar do 10 ao 17 de abril, e o prazo para entregar as obras de arte irá do 19 ao 26 de abril. As pezas estarán expostas nos establecementos comerciais, designados mediante sorteo, desde o 15 de maio, cadrando coa celebración do Día Mundial dos Museos o día 18, ata o 12 de xullo. Posteriormente, as obras seránlle devoltas aos seus autores e autoras ao longo do mes de setembro.

Sábados no "Museo máis pequeno da cidade"

De forma paralela, e mentres as obras estean instaladas nos establecementos comerciais, a Concellaría de Centros Socioculturais porá en marcha un xogo nas redes sociais para animar a veciñanza a visitar as diferentes propostas do "Museo máis pequeno da cidade". Para iso, colgaranse imaxes dunha parte do museo e iranse achegando pistas para que as persoas que queiran participar descubran onde se atopa a obra e cal é o seu título e a súa autoría. Para participar tamén é preciso inscribirse, a título individual ou en grupo, ben nos centros socioculturais ou ben no mail ccpreinscricions@santiagodecompostela.gal. Haberá un sorteo de agasallos entre todas as persoas ou grupos participantes.

Documentos relacionados