• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello apoia o emprendemento sostible co programa municipal “Faino en Santiago”

Data de escritura

O Concello de Santiago, a través do departamento de Promoción Económica, pón en marcha un programa municipal que ten como obxectivo construír unha economía máis próxima e xusta a través do apoio a proxectos que sexan sostibles económica, social e ambientalmente. Trátase de “Faino en Santiago”, unha iniciativa que, tal e como explicou a concelleira María Rozas, “nace para acompañar ás persoas que queiran emprender, a través de pequenas empresas que integren a sustentabilidade no seu modelo de negocio, axudándolles a construír un proxecto viable e duradeiro no tempo”.

O programa “Faino en Santiago” desenvólvese da man da cooperativa de proxectos para o desenvolvemento sostible Falar a Mare

O programa “Faino en Santiago” desenvólvese da man da cooperativa de proxectos para o desenvolvemento sostible Falar a Mare, e estrutúrase en tres liñas de traballo fundamentais. Por unha banda, celebraránse xornadas presenciais no Edificio CERSIA Empresa, “que serán un espazo de encontro, formación e inspiración para as persoas que queiran emprender, e que poderán coñecer outras experiencias como punto de partida para os seus propios proxectos”. Estas sesións serán os días 9, 10 e 11 de xullo.

En segundo lugar, haberá sesións grupais en liña, interactivas e prácticas, nas que as persoas participantes recibrán apoio para avanzar no seu modelo de negocio e nas que poderán resolver dúbidas reais en todo momento. Por último, o programa complétase con acompañamento personalizado, a través de titorías adaptadas ás necesidades de cada participante. A formación en liña e o acompñamento personalizado será do 12 de xullo ao 30 de outubro.

As persoas que se sumen ao programa terán acceso a un conxunto de ferramentas dixitais que lles permitirán planificar, estruturar e facer seguimento real dos seus proxectos, deseñadas específicamente por Fala a Mare para o acompañamento das pequenas empresas. En concreto, abordaranse catro eixos temáticos: modelo de negocio con propósito, estratexia empresarial, planificación financeira, e comunicación.

Inscrición gratuíta

As persoas interesadas en inscribirse no programa, que é de balde, poden facelo ata o 30 de xuño a través da web www.fainoensantiago.gal