“Compostela. Capital da Biotecnoloxía”: o Concello e a Área Empresarial do Tambre colaboran para atraer talento e investimentos ao biopolo da Sionlla
Atraer e reter talento, captar proxectos e investimentos, e poñer en valor o Biopolo da Sionlla. É o principal obxectivo da campaña “Compostela. Capital da Bioctecnoloxía”, que vén de poñer en marcha o Concello, a través do departamento de Promoción Económica, en colaboración coa Área Empresarial do Tambre. Trátase de facer de Compostela un referente e un punto de encontro do ecosistema biotecnolóxico do noroeste, dándolle cumprimento ao Pacto da Sionlla asinado en 2017.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a campaña “Compostela. Capital da Biotecnoloxía”, nunha rolda de prensa na que tamén participou o presidente da Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés. A tenenta de alcaldesa enmarcou a iniciativa “na necesidade de seguir reivindicando o potencial económico de Santiago, a nosa capacidade de xerar talento e de atraer investimentos e proxectos innovadores”. Nese sentido, explicou Rozas, “esta campaña quere saír dos tópicos sobre Compostela, lembrando que somos moitísimo máis da imaxe que moitas veces trascende e insistindo no noso convencemento de que non podemos vivir só do turismo”.
O presidente da Área Empresarial do Tambre agradeceu o compromiso do departamento de Promoción Económica coa revitalización do Biopolo da Sionlla, “que confiamos en que teña un novo pulo con esta campaña e con outras accións e acordos de promoción nos que estamos traballando”. José Fernández Alborés explicou que no equipamento están instaladas a día de hoxe tres empresas, “pero prevemos que se instalen novas compañías á volta do verán, procedentes do edificio Emprendia da USC e en virtude dun acordo coa Universidade de Santiago”. Alborés reivindicou tamén a necesidade de xerar máis emprego industrial “porque xa comprobamos durante a pandemia a debilidade que pode ter o sector turístico fronte a outros sectores”.
A campaña, mediante a estratexia autoreferencial e cun video publicitario, está impulsada desde o departamento de Promoción Económica e aliñada coa iniciativa “Feito en Santiago”, e pretende presentar unha nova cara de Santiago, a “Compostela Biotech”. Nel destácanse as oportunidades e fortalezas que ten a capital galga para ser a capital da biotecnoloxía, captando e favorecendo a implantación de PEMES, spin-off e proxectos de incubación, aceleración e consolidación, centros de investigación, clústeres, asociacións, investidores e administracións públicas no Biopolo da Sionlla. María Rozas explicou que, alén do video promocional, á volta do verán iránse executando outro tipo de accións para revitalizar o Biopolo.
Convenio de colaboración
Na rolda de prensa tamén se deu conta do convenio que o Concello asinará coa Área Empresarial do Tambre, vinculado ao obxectio da reindustrialización e a promoción do asentamento de empresas en Santiago. O acordo suporá unha achega municipal de 50.000 euros para o financiamento de distintas accións tendentes á consolidación e a captación de empresas para o biopolo, así como para a colaboración do Concello na prestación do servizo de vixilancia da área empresarial.
Estas accións conxuntas teñen como obxectivo último revitalizar o Pacto da Sionlla, asinado en 2017 polo Concello, a Xunta, a Universidade de Santiago, a Cámara de Comercio e a Área Empresarial do Tambre co obxectivo de fomentar a reindustrialización de Santiago. María Rozas puxo en valor este acordo “que xuntou aos sectores público e privado, e no que tamén colaboramos diferentes administracións, cun obxectivo común que é apostar polo desenvolvemento económico de Compostela”.