• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Fundación Andrea e Mimolett, protagonistas da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” no mes de outubro

Data de escritura

A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” dedicará o mes de outubro a darlle visibilidade ao traballo da Fundación Andrea, coa colaboración da tenda de roupa Mimolett.

Nas próximas semanas, o establecemento de Xeneral Pardiñas difundirá o labor da entidade, que presta apoio ás familias de nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais. 

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe as actividades de outubro no marco da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” acompañada pola responsable de Mimolett, María Fraga, e pola presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca.

A tenenta de alcaldesa puxo en valor o traballo que desenvolve a Fundación Andrea

A tenenta de alcaldesa puxo en valor o traballo que desenvolve a Fundación Andrea “apoiando a ducias de familias nos seus momentos máis duros, non só do punto de vista económico, senón mesmo tamén sendo rede de salvación e soporte emocional”. María Rozas reiterou o orgullo do departamento municipal de Comercio “por participar nunha campaña impulsada por mulleres emprendedoras e solidarias, que son o exemplo dos valores engadidos que tén o comercio tradicional para Compostela”.

A responsable de Mimolet explicou que haberá "actividades familiares e divertidas", nas que as crianzas serán o centro. 

Actividades de rúa

Como é habitual na campaña, a tenda Mimolet manterá durante todo o mes un punto informativo sobre a Fundación Andrea, no que tamén se poderán adquirir produtos solidarios en favor da entidade. 

Ademais, o comercio e a entidade social colaborarán nunha actividade de rúa, que se desenvolverá en dúas quendas, o venres 3 e o mércores 15 de outubro, e na que tamén colaborarán outros establecementos da zona. Trátase dun concurso, no que o obxectivo é atopar o cascabel que simboliza á Fundación Andrea e que estará agochado nalgúns puntos da rúa. As persoas participantes poderán gañar un patinete.

A presidenta da Fundación Andrea engadiu que do 17 ao 29 de outubro, nenas e nenos poderán realizar un debuxo co que participarán nun concurso para optar a protagonizar a imaxe da tarxeta de nadal desta organización. 

Campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”

“12 comercios, 12 sensibilidades” é unha campaña que naceu o ano pasado, impulsada por un grupo de mulleres comerciantes.  No que levamos de ano, a campaña chegou en xaneiro á tenda de moda e complementos Cousa Linda,  que deu a coñecer os traballos de investigación da delegación da Coruña da Asociación Española contra o cancro. En febreiro, tocoulle á xoiaría José Antonio, que colaborou con Sociedade Internacional de Galicia; en marzo a xoguetería EscondiT difundiu o traballo da Obra Social de Pediatría; e xa en abril, a tenda de alimentación D- Aldea difundiu o labor da Asociación Abeiratúa, que traballa con enfermas oncolóxicas. En maio, a campaña estivo centrada en visibilizar o labor da Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, en colaboración con “La Tienda de María”; e en xuño a campaña estivo protagonizada por Atmósfera Centro Deportivo, que divulgou o traballo de ACEM, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Parkinson e ELA. En xullo, a colaboración foi entre ELA Interiorismo e Agadea, e en agosto a libraría Lila de Lilith deu a coñecer o traballo da Casa Comunitaria Aluandé. En setembro, “12 Comercios, 12 Sensibilidades” desenvolveuse na tenda de cosmética natural Maravalla, en colaboración co Refuxio de Animais de Bando.